Friday 26 de April de 2024

O domingo 11 de setembro comezan as obras de renovación do pavimento de diversas rúas en Icaria


Na noite do domingo día 11 de setembro ao luns, día 12, darán comezo as obras de renovación do pavimento de diversas rúas do Polígono Comercial de Icaria e da propia Urbanización.

Os traballos efectuaranse en horario nocturno (de 21:30 a 06:00h aprox.) para minimizar as afeccións ao tráfico rodado e á veciñanza da contorna. Estas obras comprenderán o fresado previo de parte do pavimento actual dos viarios e o posterior estendido dunha capa de formigón bituminoso na totalidade do ancho das vías.

Actuarase nas seguintes rúas: Afrodita (completa), Helios (tan só nun tramo), Prometeo (completa), Ícaro (completa) e dos Prados (completa).

As obras cos traballos previos de fresado durarán entre 2 e 3 noites, avanzando dende a rúa Afrodita cara á rúa dos Prados (sentido descendente dende Montrove cara ao Seixo). Posteriormente, e dependendo das condicións climatolóxicas, procederase ao estendido da nova capa de rodaxe dos viarios.

Durante os traballos de fresado non se prevén importantes afeccións ao tráfico rodado, que non se cortará, regulando a circulación mediante o apoio de operarios sinalistas.

Para o estendido da nova capa de rodaxe será necesario proceder ao corte de tráfico en cada unha das rúas nas que se estea a traballar nese momento. Neste caso, habilitaranse desvíos alternativos, a excepción das Rúas Diana, Juno e Selene (rúas sen saída), que quedarán completamente cortadas, agás para os servizos de emerxencia.

Comunicaranse, coa debida antelación, as datas previstas para os cortes de tráfico.